Saturday 04 de May de 2024

A Deputación inviste 700.000 euros en obras que “cambiarán a faciana” de Porto do Son


Os traballos para renovar o entorno entre a rúa A Roda e O Porto xa están rematados e actualmente estase a renovar a praza do Curro

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou esta mañá o Concello de Porto do Son en compañía do seu alcalde, Luis Oujo, para coñecer o estado das obras levadas a cabo pola institución provincial no municipio e que supoñen un investimento de preto de 700.000 euros.

O titular provincial puido comprobar o resultado da reforma do entorno entre a rúa A Roda e O Porto, que ofrece un novo espazo máis agradable aos residentes na zona. Con esta actuación renovouse o pavimento tanto de beirarrúas como da calzada, onde se crearon pasos de peóns elevados, instalouse novo mobiliario urbano e plantáronse árbores para humanizar a zona. Tamén se substituíron as tubaxes, arquetas e outros sistemas subterráneos, ademais de engadir os servizos de telecomunicación e eliminar o cableado aéreo.

O custo desta actuación ascendeu a 374.945,71 euros dos que a Deputación aportou 299.956,57, o 80%. Con esta reforma resolveuse o conflito circulatorio que existía no inicio desta rúa, nas inmediacións ao porto, e facilitouse deste xeito o acceso a edificios como a Casa do Concello, á capela do Carme ou a Casa da Cultura, entre outros.

Por outra banda, a Deputación da Coruña tamén está a levar a cabo unha reforma de 390.000 euros na praza do Curro, en Portosín, a través de dúas anualidades do POS.

Neste caso o que se pretende é recuperar un espazo destinado aos peóns, de maneira que só poderán acceder os vehículos dos residentes e de emerxencia. O plan, ademais de empedrar a zona, pretende dotala de árbores e mobiliario urbano.

Diego Calvo sinalou durante a súa visita, que grazas ao seu compromiso o alcalde está sacando adiante proxectos esperados durante anos e, así, “cambiando a faciana de Portosín”.

Pola súa banda, Luis Oujo agradeceu a contribución da Deputación aos proxectos do municipio e resaltou que “estas eran unhas obras moi demandas durante anos” e “importantes para o comercio e a hostalaría” do entorno.

“Estamos asinando moitos convenios polos intereses dos veciños e veciñas de Porto do Son”, engadiu o rexedor, e mencionou entre eles a rehabilitación e posta en valor do Castro de Baroña, co que tamén colaborou a institución provincial con 20.000 euros para o programa de actividades do seu centro de interpretación.

Praza da Atalaia
Entre os apoios que a Deputación da Coruña dá ao municipio, tamén está a reforma do entorno da gardería, na praza da Atalaia. O convenio entre o titular provincial e o alcalde asinouse este mesmo mes e grazas a el o ente provincial aportará 80.000 euros dos 100.091 que custa o proxecto, co que se pretende mellorar o acceso á escola infantil e, polo tanto, a súa posta en funcionamento.

Porto do Son contará ademais con preto de 500.000 euros correspondentes ao DTC93 e ao POS2015 e, coma novidade, este ano recibirá tamén unha achega de 256.651 euros do PAI, o novo Plan de Aforro e Investimentos creado pola Deputación da Coruña neste exercicio.